Banda de Música de Cerdedo: O Camiño: Mitos e Tradicións!

Comparto unhas fotografías do pasado sábado 30 de abril no Auditorio de Cerdedo, participando no concerto da Banda de Música de Cerdedo: “O Camiño: Mitos e Tradicións!”.

Unha vez máis dar as grazas á banda de música e ao seu director José Luis Loureiro por deixarme participar no seu espectáculo. Tamén agradecerlle a Jesús Pérez por acompañarme ao tambor.

Como notas ao repertorio que interpretei de maneira solista, a peza que interpretei para abrir o acto foi baseada no “Cantar do arrieiro”, de Manuela Cortizo (Manuela das Marianas ou Manuela de Barro) e a segunda a “Alborada de Rosalía de Castro”, do repertorio dos gaiteiros de Soutelo. Esta última co gallo do 50 aniversario do pasamento de Avelino Cachafeiro e tamén das actuacións que os gaiteiros de Soutelo fixeron en Cerdedo na súa época.

Fotografías de Noelia Ratel

Avelino Cachafeiro, 50 aniversario do seu pasamento

Homenaxe a Avelino Cachafeiro – Sábado 16 de abril de 2022 

Acto organizado polo Concello de Forcarei no cemiterio de Soutelo de Montes no que participaron a alcaldesa do concello, Verónica Pichel, Juan Bautista Alberte, sobriño e portavoz do legado de Avelino Cachafeiro, a banda de gaitas de Forcarei e Rubén Troitiño, intepretando a Alborada de Rosalía de Castro, xunto a Valentin Romero á percusión, cun dos punteiros orixinais de Avelino. 

Fotografías de Noelia Ratel.

Forcarei prepara unha gran homenaxe a Avelino Cachafeiro no 50 aniversario do seu falecemento

• O Concello crea unha comisión organizadora na que toman parte Bautista Alberte, Francisco Viéitez e Rubén Troitiño

• A Escola de Cantería da Deputación creará unha peza gravada conmemorativa, unha petición da alcaldesa á institución provincial que se instalará na vila soutelana durante a celebración da próxima Festa do Gaiteiro

O Concello de Forcarei conmemorará este ano o 50 aniversario do falecemento de Avelino Cachafeiro, o Gaiteiro de Soutelo e célebre autor da Muiñeira de Chantada ou da Alborada a Rosalía, coa instalación dunha escultura de pedra en sinal de homenaxe e un ciclo de actividades sobre a súa figura.

A alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, solicitou a colaboración da Deputación de Pontevedra e a súa presidenta, Carmela Silva, confirmoulle a creación dun fito ou peza gravada por parte da Escola de Cantería da institución provincial. A escultura levará inscrito o título do libro “Voando cas aas da vida” que publicou Avelino Cachafeiro en 1969 e que representa unha alegoría á natureza e á cultura popular da nosa provincia. Será colocada nun espazo público de Soutelo de Montes durante a celebración da próxima edición da Festa do Gaiteiro.

Antes, en torno ao 13 de abril, data do aniversario do pasamento de Avelino Cachafeiro, o Concello de Forcarei levará a cabo un acto floral con acompañamento musical no cemiterio de Soutelo.

Así mesmo, o goberno local impulsou unha comisión organizadora para os actos conmemorativos na que están presentes tamén Bautista Alberte, Francisco Viéitez e Rubén Troitiño. A próxima semana reunirase para concretar as datas exactas e ultimar os detalles do programa.

Entre as actividades previstas están a elaboración de materiais divulgando a efeméride, clases para @s nen@s participantes nas Tardes de Lecer para que coñezan e recoñezan a figura de Avelino Cachafeiro, unha sesión co título ‘Redescubrindo a Avelino Cachafeiro’ para que a veciñanza poida descubrir un pouco máis do famoso gaiteiro, e ata unha foliada no parque de Venezuela, entre moitas outras sorpresas.

E para a celebración da Festa do Gaiteiro, en cuxa programación xa se está a traballar, ademais da inauguración da peza escultórica, recuperarase o ‘Roteiro Musical Avelino Cachafeiro’ coa colaboración da Deputación de Pontevedra, onde se percorrerán os lugares da parroquia que forman parte da biografía do Gaiteiro acompañados das súas pezas musicais. Esta acción realizouse tamén en 2019 da man do artista Xurxo Souto cunha afluencia de público moi notable.

A festa do Gaiteiro ten lugar cada ano o terceiro sábado de agosto en Soutelo de Montes e foi declarada como Festa de Interese Turístico Galego no ano 2010. O evento, que deixara de contar co apoio do Concello no anterior goberno municipal, está a recuperar pulo desde que Verónica Pichel chegou á Alcaldía, amosando o compromiso do seu goberno coa lingua e a identidade cultural e local.

Información do Concello de Focarei

XLII Festa do gaiteiro de Soutelo – Pregón e charla/coloquio

O pasado sábado 21 de agosto celebrouse en Soutelo de Montes (Forcarei) a “XLII Festa do gaiteiro de Soutelo”, en homenaxe a Avelino Cachafeiro onde tiven a honra de poder participar coma pregoeiro e dando unha charla/coloquio xunto a Bautista Alberte e Xosé Manoel Rivas Troitiño.

Pregón

Un pracer poder compartir as miñas verbas arroupado pola Banda De Gaitas de Forcarei.

Charla/coloquio “Redescrubrindo aos gaiteiros de Soutelo”

Un enorme luxo e privilexio compartir mesa con Juan Bautista Alberte, sobriño e voceiro do legado de Avelino Cachafeiro e Xosé Manoel Rivas Troitiño, autor do libro O Gaiteiro de Soutelo.


Dende aquí dar as grazas ao Concello de Forcarei por contar comigo neste ano 2021.