Arquivo da etiqueta: Galicia

Unha muñeira para Antonio Fraguas

O compositor Rubén Troitiño firma esta peza, gravada con catro asociacións de Cerdedo-Cotobade

J. B. 
A ESTRADA / LA VOZA ESTRADA / LA VOZ 

Na Rede comezará a escoitarse desde hoxe unha peza musical adicada a Antonio Fraguas, co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, no que ríndese tributo ao escritor, historiador, antropólogo e etnográfo do municipio de Cerdedo-Cotobade. Foi composta por Rubén Troitiño e leva por nome Muñeira para Antonio Fraguas.

Na gravación desta peza participaron catro asociacións de Cerdedo-Cotobade. Foron Os Afoutes do Canón do Pau, Os Trazantes de Tenorio, Foula e Os Abrentes de Cerdedo. Esta muñeira tamén presentarase en primicia na sintonía da Radio Galega Música no programa Lume na Palleira, con Emilio Españadero. O autor agradeceu onte ás asociacións participantes o seu esforzo e tamén ao Concello pola súa colaboración para facer esta muñeira, tributo a Fraguas.

Enlace: La Voz de Galicia

Pandereteiras de Barro de Arén

Achegámonos ó concello de Cerdedo para coñecer ás Pandereteiras de Barro de Arén. Foi o propio grupo, durante a gravación dun programa en Soutelo de Montes, o que convidou ó equipo de Alalá a se achegaren ata a súa aldea, Barro de Arén.

O programa aceptou a invitación e descubriu un fermoso lugar no que antes apenas chegaban as leiras para todos os veciños mentres que agora sobran porque só viven unhas oito familias. Iso si, todos eles saben cantar e bailar. Por iso hai uns anos comezaron a chegar rapaces e rapazas interesados en recoller o repertorio tradicional desta zona da comarca flanqueada polas cotas da Serra do Seixo.

Grupos como TreixaduraO tear de Llerena ou Donicelas, teñen no seu repertorio pezas e coplas que saíron de Barro de Arén. Co fin de recompilar esas pezas, os veciños comezaron a xuntarse de novo, recuperaron as pandeiretas que levaban anos abandonadas e volveron a cantar e a bailar como cando eran novos. A memoria prodixiosa de Gurmesinda e de Manuela garda un arquivo inesgotable de letras e melodías. De feito no primeiro disco que acaban de editar, “Cerdediño p’rós amores” conten un total de trinta temas e, segundo elas, aínda teñen motísimos mais por gravar.

Unha desas pezas é o popular “Arrieiro” que Manuela aprendeu de seu pai cando era nena e que esta muller, que ademais compón, canta coma ninguén. No grupo contan tamén coa voz e co talento de Xosé, que despois de percorrer case toda España por cuestións de traballo, volveu a Barro coa súa muller, Alcira, onde agora, xa xubilado, canta e tamén escribe cancións. Por suposto, el non foi o único que percorreu mundo, outras pandereiteiras como María, Felisa, ou Lola estiveron tamén en Suiza, Barcelona e Francia. A emigración marcou a vida desta aldea na que apenas hai xente nova xa que os fillos de maioría destas familias están espallados polo mundo, desde Pontevedra ata Canarias, Madrid ou Andorra.

Pero ademais de falar de todo isto comprobaremos que os veciños de Barro de Arén non precisan máis que xuntarse para facer festa e en canto soa a pandeireta saen todos a bailar. Sobre todo Delmira, unha muller incrible que con 91 anos segue ensínandolle ós máis novos como se baila unha muiñeira ou unha jota.

Enlace orixinal: Alalá nº 16 “Pandereteiras de Barro de Arén”

Barriño para cantar…

Naqueles tempos case tirados xa da memoria colectiva nos que non había radios, televisores e demais trebellos a meter barullo alleo nas casas, a xente cantaba. Cantaba mentres lavaba, mentres sachaba no millo, mentres apañaba no toxo, botaba nas patacas ou ía polo camiño, e por suposto cando había que facer a festa. Mais mentres non puido chegar ás aldeas o exceso, o luxo vilego de contratar un músico ou varios, cando había gañas de festa era a propia xente a que por forza tiña que poñer a música. E con tanto traballo como había, o que sobraban eran gañas de festa, claro. Na Terra de Montes, como en moitas outras partes do país galego, os mozos e mozas organizaban os seus propios bailes no inverno cando non había festas patronais á vista-, nuns determinados días na semana, como podían ser xoves, sábado e domingo. Rematábanse os traballos, axeitábase un baixo dunha casa ou mesmo unha corte, a quen lle tocaba aportaba o carburo para prender o candil, e á hora acordada, xeralmente logo da cea, ían aparecendo mozos e mozas para a festa, para a “Rúa”. Dúas ou tres mozas collían as pandeiretas e comezaba a foliada. Primeiro a jota, logo a muiñeira, e por suposto algún agarrado, e logo veña, que collan outras a pandareta que nós tamén queremos beilar. E así ata a media noite, troula rachada a base de bailes e cantares aprendidos nesa intensa escola que é a comunidade, a veciñanza, o pobo.

Na parroquia e Concello de Cerdedo, a mocidade das aldeas de Barro, Arén e Cernados, argallaba en conxunto as súas Rúas, repartíndose os días e podendo ir as mozas destes lugares a calquera dos outros dous. Os mozos tiñan máis liberdade de movemento, e chegaban de toda a contorna: Folgoso, Pardesoa, Figueroa, Castro, Meilide, Lourido, Carballás, Avelaíndo e mesmo Caroi -no veciño concello de Cotobade-, Soutelo de Montes ou Presqueiras, -no de Forcarei.

A xente de todos estes lugares conserva hoxe aínda ben acesa a memoria daqueles tempos, daquelas intensas noites nas que namoraban e botaban fóra do corpo a dureza do traballo no agro. Mais nestes comezos do Século XXI, cincuenta anos despois de que todo isto esmorecera, évos a xente deste lugariño de Barro de Arén a que máis está a reivindicar aquel seu xeito de facer a festa e de vivir as músicas das súas vidas, que pasaran de boca en boca ata ser herdanza súa por dereito. Herdanza que hoxe lle queren deixar tamén a toda a xente da súa Terra, para que a coñezamos e apreciemos como o que é, parte fundamental dese grandísimo ben común dos galegos e galegas que chamamos Cultura, e que vale tanto como nós o apreciemos.

PBA.jpg

Eu de coplas sei un cento…

Un cento ou dúas ducias deles, e nós quixeramos facer uns breves apuntamentos sobre o xeito que teñen estas mulleres de cantalas e acompañalas.

No tocar das pandeiretas, notamos que de principio a fin só se saen do patrón básico de cada tocata para marcar a volta no baile da jota, con ese característico repenique seu que comparten coas mulleres de moitas outras aldeas, e que en lugares coma o lindeiro Caroi (Cotobade) chaman “refollo”. No resto de bailes, atopamos que as pandeiretas non fan máis paradas, petos ou repeniques, nin sequera para marcar a volta na muiñeira, como si ocorre noutras parroquias de ben preto (Presqueiras, Figueroa, Castro, Quireza…). O instrumento cóllese ao xeito máis habitual na nosa Terra, mais sempre coa man esquerda aberta (no caso de sermos destros). Tanto é así, que as pandereteiras de Barro non lembran que as vellas de antes tocaran co puño pechado en ningún caso, cousa que tamén distingue a este lugar doutras parroquias coma as xa citadas. Tampouco tocan nin lembran que se tocaran outros instrumentos para acompañar ás pandeiretas, coma o pandeiro cadrado ou a lata de pemento. Se acaso unhas cunchas, pero nin moito.

No estilo do cantar da zona atopamos bastante estabilidade nas melodías e un timbre bastante natural en relación a outros lugares onde flutúan moito os tons, e o nivel de nasalidade é ben máis alto. Recréanse na ornamentación e matices dos cantares, mais con moito xeito, sen sobrecargas. Tamén tenden a altealos para que resoen as voces por riba das pandeiretas, pero sen chegar ao estilo case desgarrado doutras zonas galegas. A linguaxe tradicional resumiríao ben nun contundente “sábeno adonairar”.

No que se refire ás letras das cantigas, destaca que moitas, malia ser aprendidas no propio Barro, levan o retrouso en castelán e teñen un estilo común, sendo xeralmente jotas e valses. Isto fainos pensar nunha moi posible orixe foránea destes cantares, seguramente castelá, que habían traer os homes da zona cando voltaban de traballar de canteiros nas “Babias”, ou nas segadas de Castela. Pola outra banda, nas coplas que enchen estes cantares predomina o galego, lingua por suposto propia e habitual da nosa xente, e polo tanto ferramenta natural de comunicación tamén para as mulleres de Barro. Iso si, tamén nos sorprende que, de xeito aparentemente natural, ao cantar prefiran prescindir da súa habitual gheada na fala, así coma do chamado “-e paragóxico” ao final dos versos (cantar-e, saber-e).

Ficha da gravación:

Cantaron e tocaron:

  • Gumersinda Castro Porto (Ghumersinda das Dieghas, Barro 1927). Voz e pandeireta en todos os cortes agás o 1, 6, 7, 14 e 20.
  • Manuela Cortizo Medal (Manuela das Marianas, Cerdedo 1930). Voz e pandeireta en todos os temas agás o 1, 6 e 20-24.
  • Rosa Castro Porto (Rosa das Dieghas, Barro 1934). Voz nos cortes 2-5; 13, 15-18 e 26-32.
  • Alsira López Álvarez (Alsira dos Carballeiros, Barro 1926). Voz nos cortes 2-5; 13, 15-18 e 26-32.
  • Felicitas Martínez López (Feli da Helena, Barro 1932). Voz nos cortes 2-5; 13, 15-18 e 26-32.
  • María Martínez López (María da Helena, Barro 1939). Voz nos cortes 2-5; 13, 15-18 e 26-32.
  • Clara Ruzo Sueiro (Clara dos Ruzos, Meilide 1935). Voz e pandeireta nos cortes 13, 15-18 e 26-32.
  • José Cortizo Martínez (José da Fonte, Barro 1926). Voz nos cortes 6, 13, 31 e 32.

Tamén axudaron:

  • Sinda: voz no corte 19.
  • Marcelino:bucios no corte 1.
  • José da Bandeira : pandeireta no corte 32.
  • Guillerme Ignacio Costa: gaita de fol nos cortes 13 e 32.

Produción musical: Pandereteiras de Barro de Arén/Guillerme Ignacio Costa.
Técnico de son: Valentín.
Deseño gráfico: Tent’a Toura.
Textos: Guillerme Ignacio Costa.

Gravado e mesturado nos estudios Phonos da Estrada entre os meses de Decembro do 2005 e Febreiro do 2006.

O noso fondo agradecemento ao Concello de Cerdedo pola seu decidido apoio a este proxecto. Tamén graciñas a José de Xirandola pola súa colaboración, e a Xerardo Albela dos Raiceiros polo punteiro de si.

Guillerme Ignacio Costa

CD “Aires de Pontevedra” – Oscar Ibáñez

“AIRES DE PONTEVEDRA. HOMENAXE A RICARDO PORTELA 25 ANIVERSARIO PASAMENTO” de Oscar Ibáñez, gaita orixinal de Ricardo Portela, coa colaboración á percusión de Xosé V. Ferreirós (Milladoiro), Chuco Estévez Gonzalez (E-Trad), Gonzalo Caride (artesán-músico), Wenceslao Cabezas “Polo” (Escola Municipal de Danza do Concello de Vigo), Antón López “Toniño” (Treixadura), Manuel Solla (Os Cruceiros), Xosé Carlos V. Bouza e Jesús Corral Fernández (Xarabal), Miguel Souto (O Fiadeiro), Alberto Costas (PelePau), Manuel Alonso e Xosé María Gutiérrez (Noitarega).

Gravado, mesturado e masterizado en ChisPún! Estudio (Vigo) por Rubén Troitiño, edita e distribúe Inquedanzas Sonoras baixo licenza de Oscar Ibáñez.

Seguir lendo CD “Aires de Pontevedra” – Oscar Ibáñez