Dende un tempo cara a actualidade estou na procura de máis información sobre Avelino Cachafeiro e os gaiteiros de Soutelo. Coma en todas as investigacións amplíase o coñecemento dun campo determinado ademáis de facer contactos con moita xente interesante. Isto foi o que pasou no 2020, en plena pandemia, cando decidín por en orde todos os documentos que tiña sobre Cachafeiro e os gaiteiros souteláns.
Pese a estar en pleno confinamento, os medios dixitais facilitan moito este tipo de traballos, aínda que hai cousas que hai que seguir facéndoas de forma presencial. Así atopei a Francisco Vieitez Casado, fillo de Francisco Vieitez Fírvida, percusionista do cuarteto de gaitas dende o finamento de Bautista Cachafeiro. De vez en cando botabamos unhas parrafadas virtuais sobre este cuarteto e sobre seu pai.

Un día pregunteille se conservaba algo relacionado cos gaiteiros e díxome que tiña unha gaita gardada, que en canto puidera sacáballe unha fotografía, non tardou nin unhas horas cando a recibín. Alí estaba, unha das gaitas de Avelino Cachafeiro en Venezuela. A miña preguntar era como chegou ata alí, a resposta, como non, moi sinxela. Nos anos cincuenta Francisco Vieitez Fírvida emigrou cara Venezuela. Nunha das viaxes que fixo a Soutelo polos anos 70 atopouse con Avelino e este regaloulla, pouco antes de finar Cachafeiro. Foi así como este instrumento rematou no outro lado do charco.
Despois dunha das conversas el ofreceuma, cunha frase que a teño máis que gravada: “paréceme loable o traballo que estás a realizar, a gaita é túa”. Nun principio el tiña pensado entregarma en man nunha das súas viaxes que fixera a Soutelo de Montes, pero coa pandemia cada vez o vía máis complexo, foi así como por mediación de Noemí Cendón e da Hermandad Gallega de Venezuela a gaita regresou a Galicia.

A última conversa que tiven con Francisco foi a principios do mes de marzo de 2021, e fai uns días enterábame do seu finamento despois de non poder superar a Covid-19.
Dende aquí quero voltar a darlle as grazas polo regalo que me fixo e pola súa amabilidade, eternamente agradecido.

Las gracias las tengo que dar yo por ese gesto tan generoso. Un saludo y cuídense mucho.
GústameGústame
Gracias por el reconocimiento a mi padre. A dias de su partida resulta conmovedor leer como su gesto es revonocido.
Carmen Vieitez
GústameLiked by 1 person