Eduardo Troitiño Varela

Tía Andresa.pngEduardo Troitiño Varela naceu en Cavenca o 30 de outubro de 1927. Eduardo é sobriño dos músicos Antonio e Cesáreo Troitiño Beiro, irmáns do seu pai, tamén chamado Eduardo. Ademais, este músico é pai de Xosé Luís e avó de Rubén. Dende rapaz, a Eduardo gustáballe a música e sendo un cativo comezou a asistir as clases na academia de Xosé Benito, onde aprendeu a ler as partituras e a tocar o fliscorno, que aínda conserva en bastante bo estado.

Casou con Pura Lavandeira Fortes o 10 de marzo de 1955. Esta muller xa coñecía ben o ambiente musical de Cerdedo: era filla do baixista Xosé María Lavandeira e neta do grande mestre de músicos Ramón Lavandeira. Pura lembra que no inverno que estaba a piques de rematar cando eles se casaron, Eduardo aínda ía tocar coa banda. E no ano seguinte tamén, pero xa ningún ano máis, o que ven a confirmar que a derradeira actuación da banda de Cerdedo tivo lugar con case total seguridade no 1956.

ED.pngEduardo lembra moitas anécdotas acontecidas ao longo do tempo no que formou parte da agrupación dirixida por Xosé Benito. Por exemplo, a que sucedeu un ano que foran facer a festa do 15 de agosto no Pelete (A Lama). Alí somentes se desprazara a metade dos músicos, entre eles Eduardo, quedando o resto da formación en Cerdedo. E ao día seguinte a banda ao completo debía tocar na festa do San Roque, en Soutelo de Montes, que xa daquela era unha festa moi importante. Na madrugada do día 16 comezou a chover no Pelete e, segundo lembra Eduardo:

Nós paraugas non tiñamos, coche tampouco. Pero tiñamos que ir para Soutelo. O Melequiño, non sei como, se fixo cun carapucho e dixo: ‘Nada, eu xa estou preparado’. E outros foron conseguindo plásticos ou calquera cousa para irse tapando da chuvia. Daban as 12 no Seixido e a unha e pico era a misa en Soutelo. Nós arrincamos cara Soutelo: tira, tira, tira…monte, monte, monte…e chegamos a Soutelo á entrada da misa. Mandou carallo! Pero nós non nos podiamos presentar en ningún lado, mollados coma ibamos. E claro, había que secarse un pouco…pero o cura ía empezar a misa. Nós sempre cantabamos a misa: a de Lebordeses e máis a de Pío XII. Se moitas veces nós ibamos tocar algunha festa era pola misa, que Touqueira cantaba moi ben. E dixo Touqueira: ‘Nada, nada, aquí conforme estamos hai que ir para a misa’. O cura de Soutelo era D. Aquilino, ao vernos dixo: ‘Ben, non vos preocupedes. Vou retrasar a misa un pouco mentres vos ides secar’. Metémonos nunha casa, secámonos un pouquiño, cepillámonos un pouco e tal e cual. E cantámoslle a misa. Despois resulta que cando saímos da misa na procesión daba un sol! E dixemos: ‘Bueno, a roupa seca aquí, e ó carallo!’ Eso foi na capilla que había en Soutelo do San Roque. A Igrexa estaba na Magdalena.

Doutra volta, atopábase a banda de Xosé Benito tamén por terras do Concello de Forcarei. Concretamente, estaban a cantar unha misa na capela de Trasdomonte. De súpeto Eduardo, que era aínda un cativo desplomouse no chan. Así o lembra el:

Alí caín eu, con tanta vela que había ao lado do Cristo. Estabamos cantando a misa, e doume un mareo e caín.

Os compañeiros decidiron levalo ate a taberna, onde o deixaron quedar mentres eles voltaban a capela para seguir coa celebración. Coas atencións do taberneiro, Eduardo foi paseniño recuperándose. Pasado o susto, a xente contáballe que aquel taberneiro era un protestante. Pero daquela Eduardo non tiña aínda moi claro o que quería dicir aquilo de ser protestante, así que despois comentaba:

Ho! E dicían que era protestante, pero mira a min que ben me tratou!

Ao moverse de lugar en lugar e de vila en vila, os mozos e rapaces que integraban as bandas tomaban contacto con outras realidades diferentes das que ate o momento tiñan coñecido en Cerdedo. Algunhas novidades deixaríanos abraiados e lembraríanas para o resto das súas vidas. Tal foi o caso que lle sucedeu a Eduardo e aos seus compañeiros de actuación no lugar da Bouza (Beariz). Aquel día, invitáronos a tomar café nunha casa e a novidade descoñecida era a aparición do café soluble. Os anfitrións acomodaron aos músicos nunha mesa, onde puxeron taciñas de café cheos de auga quente e máis un tarro do azucre e marcharon. Véndose en tal situación, un dos músicos exclamou:

Ai Meu Deus, estes enghanáronse!

e todos os outros déronlle a razón. Pero de alí a pouco, a señora da casa apareceu con bote de Nescafé, e comezou a servilo coa culler, ante o asombro dos cerdedenses.

Na actualidade, Eduardo sigue en activo na música cerdedense formando parte do magnífico Coro Parroquial de Cerdedo, onde tamén aporta os seus coñecementos musicais tocando o órgano o noso amigo Xulio Durán.

*Texto: As bandas de música de Cerdedo (Autor: Manuel Campos Toimil)

Eduardo Troitiño Varela finou o 9 de novembro do 2019 aos 92 anos de idade.

Liña de sucesión

Eduardo Troitiño -> José Luis Troitiño -> Rubén Troitiño

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s