karaoke-popular

Nova recompilación de temas en formato Dvd. Un novo modelo de compartir música popular que, de seguro, vos proporcionará divertidos e agradables momentos para cantar, escoitar e bailar entre amigos e familia. O funcionamento é moi simple, xa que só terás que introducir o disco no teu reprodutor Dvd e poñerte a cantar, sen necesidade de micrófonos, nin reprodutores especiais.

O karaoke non só é unha ferramenta de traballo ou un recurso didáctico. Tamén é un xogo que se adapta perfectamente ás nosas vidas. Unha forma divertida de aprender e compartir música sen ter en conta a nosa idade.

A regueifa, a rianxeira, a saia da Carolina, catro vellos mariñeiros, foliada de Nadela, foliada de Tenorio, himno galego, miñas cousas, o burro da tía Lola, o caneco, o galo, o melro, o sancristán de Coimbra e ven bailar Carmiña son os temas que presenta a editorial Ton e Son neste particular formato. Os temas gravados atópanse reforzados melódicamente, e presentan unha gran variedade harmónica e riqueza sonora (acordeón, ukelele, frautas, gaitas, tamboril, piano…), facilitando a súa interpretación, polo que teremos a sensación de estar cantando coa nosa propia banda.

A Editorial Ton e Son continúa coa súa filosofía de crear materiais únicos, que fomenten a participación, creando experiencias e vivencias que desenvolvan a nosa aprendizaxe. Un complemento perfecto, que vai da man do “Cancioneiro Popular”, anteriormente publicado pola propia editorial.

Advertisements