as-bandas-de-musica-de-cerdedo

As bandas de música marcaron un século enteiro da vida sociocultural de Cerdedo. No período que abrangue a segunda metade do século XIX e a primeira metade do XX funcionaron nesta vila alomenos catro bandas de música, ás veces de xeito simultáneo. Ademais, os músicos de Cerdedo mesmo fundaron bandas en outras localidades, coma Campo Lameiro ou A Cañiza. A pesares dunha historia musical tan prolífica, as referencias bibliográficas ao respecto son tan escasas que poden ser consideradas como anecdóticas. O libro “As Bandas de Música de Cerdedo” ven a encher este baleiro. Dende a “Asociación Cultural Os Abrentes de Cerdedo”, pensamos que xa vai sendo hora de que Cerdedo comece a recoñecer que ten atrás unha historia musical impresionante. Unha historia que, a piques de ser esquecida, nunca tivo recoñecemento público dabondo. “As Bandas de Música de Cerdedo”, que verá a luz nos vindeiros meses, é o resultado de máis de cinco anos de pescudas levadas a cabo por tres compoñentes do grupo de gaiteiros “Os Abrentes de Cerdedo”. Nesta obra, téntase reconstruir a historia das bandas cerdedenses nun apaixonante percorrido que nos leva a rememorar multitude de situacións e anécdotas. A historia das bandas é tamén a daquela xente que formaba parte delas. Así, ademais presentar a todos os directores, apórtanse datos biográficos de preto de 140 músicos que formaron parte dalgunha destas agrupacións. Todo isto ilustrado cunha gran cantidade de fotografías, a meirande parte delas con máis de 50 anos de antigüidade. Compre dicir que “As Bandas de Música de Cerdedo” é un proxecto que vai máis alá do propio libro. Nos anos de investigación recuperáronse e restauráronse algúns dos instrumentos que pertenceran ás diferentes bandas, así como parte das partituras que conformaban os seus repertorios. Trabállase ademais co propósito de recuperar algunhas das composicións para banda dos mestres cerdedenses.

  • Idioma – Galego
  • Autor – Manuel Campos Toimil
  • Colaboran – Xosé Luís Troitiño Lavandeira e Rubén Troitiño García
  • Edición – Asociación Cultural Os Abrentes de Cerdedo
  • (1ª Edición: Outubro 2010)
  • Colabora – Concello de Cerdedo
  • Depósito Legal – C 2926-2010
  • Páxinas – 270
  • Prezo – 20€
Advertisements